sábado, 30 de junio de 2012


A Xunta aprobou axudas por máis de 2,5 millóns para fomento de renovábeis

Santiago de Compostela, 29 set. (EFE).- A Consellería de Economía e Industria aprobou 2,5 millóns de euros en apoio ao fomento das enerxías renovábeis a través de 420 proxectos para implantar instalacións de enerxía solar e caldeiras de biomasa e biogás.
As axudas foron canalizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), cuxo director, Eliseo Diéguez, sinalou nunha n conferencia de prensa que "a realización deste tipo de actuacións supón, ademais dun importante beneficio ambiental, como a redución de emisións de CO2 en case 12.000 toneladas ao ano, uns importantes aforros económicos", informou a Xunta nun comunicado.

Diéguez sinalou que o obxectivo é conseguir un aforro en custos superior aos 37 millóns de euros durante a vida útil das diversas instalacións, que chega en moitos casos aos 15 anos.

Para a promoción da solar térmica, o Inega destinou 600.000 euros, cunha contía máxima de subvención de 35 por cento do investimento e até 45 por cento para as instalacións municipais.

A biomasa recibe neste ano unha inxección económica de 900.000 euros, cos que se apoia a instalación de caldeiras con alimentación automática, estufas e cociñas calefactoras, cunha contía máxima de subvención de 30 por cento, ampliábel a 45 por cento aos municipios.

Pola súa parte, os 450.000 euros de orzamento para a fotovoltaica conectada á rede, permitirán desenvolver proxectos de instalación integrada arquitectonicamente, cunha potencia máxima de 20 kW, e tamén se apoiarán as instalacións illadas ou mixtas.

Finalmente, o orzamento para proxectos de biogás e gasificación de potencia máxima de 500 kW suma case medio millón de euros para axudas dun máximo de 15 por cento do investimento esixíbel. EFE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario